Baixo o lema “Salarios dignos contra a carestía da vida” percorreron as rúas de Compostela preto de 2.000 delegados e delegadas da CIG desde a Alameda até a Praza de Praterías, que se quedou pequena para acoller a todas e todos os asistentes. Unha mobilización convocada para facer un chamamento á clase traballadora galega a loitar, contra a precariedade e por melloras salariais, superando así o tope de incremento para este ano, fixado no 2%.
Neste sentido, a CIG, denuncia a responsabilidade dos sindicatos estatais, CCOO e UGT, por asinar nos últimos sete anos coa patronal os chamados Acordos Interconfederais de Negociación Colectiva. Uns acordos de contención que estabelecen uns incrementos salariais en función do IPC previsto polo goberno, fixado ano tras ano no 2%, e que están a provocar a actual situación de perda de capacidade adquisitiva da clase traballadora dificultando, cada vez máis, que as familias poidan chegar a fin de mes.
A CIG denunciou ademais que “o que se está a facer é sacar recursos dos traballadores/as para incrementar os beneficios da patronal” sob pretexto de controlar a inflación. Por iso lembrou que xa hai informes da UE que desmenten esta versión oficial concluíndo que non son os incrementos salariais os que provocan a inflación. “O que si provoca inflación é a falta de control sobre os prezos de bens e servizos, a falta de control sobre os beneficios empresariais, a falta de control sobre un sistema impositivo inxusto baseado fundamentalmente nos impostos indirectos que gravan os prezos dos produtos básicos. Iso si que provoca un incremento da inflación”
Comentarios
Publicar un comentario