Saltar ao contido principal

O BNG FAI UNHA PREGUNTA NO PARLAMENTO A RAIZ DA DENUNCIA DA COPE POLO USO DA LINGUA GALEGA NA ADMINISTRACION DE XUSTIZA

O BNG acusa á COPE de persecución contra o galego e contra quen traballa para a súa normalización no ámbito da Xustiza

Bieito Lobeira rexistra unha pregunta paralamentar pedindo unha avaliación da Xunta sobre a denuncia formulada pola emisora perante o Consello Xeral do Poder Xudicial contra unha maxistrada de Santiago

Santiago de Compostela, 1 Abril. O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, quer saber a avaliación que fai o Goberno da Xunta da denuncia formulada pola Cadena Cope perante o Consello Xeral do Poder Xudicial contra a maxistrada titular do Xulgado do Social nº2 de Compostela por usar a lingua galega.
Bieito Lobeira rexistrou unha iniciativa parlamentar na que se fai eco do “esperpéntico” que resulta a argumentación da COPE, quen decidiu formular unha queixa logo do acontecido nunha vista oral o pasado 21 de Xaneiro nos Xulgados de Compostela, por motivo do despedimento dunha traballadora da emisora.

Segundo o deputado, na denuncia afírmase, textualmente: “Lo que resulta absolutamente inadmisible es que permitiese que la Letrada de la parte actora formulase sus conclusiones en lengua gallega (...) Con ser ello grave, más lo es aún que el acta del juicio fuera realizada también en lengua gallega (...) Y que como culminación de todas esas irregularidades se nos remitiese la sentencia, naturalmente estimatoria de la demanda, también en lengua gallega”.


Para o deputado, non son unicamente prexuízos os que operan á hora de motivar á Cadena COPE a atacar o galego senón que hai detrás unha “auténtica persecución lingüística sustentada nunha actitude claramente xenófoba, antigalega, de asunción do galego como reliquia folclórica mais non como idioma oficial, con capacidade, daquela, de uso público e institucional, neste caso na administración de Xustiza”.


Bieito Lobeira considera que estes feitos cobran máis gravidade, se cabe, porque se trata dun ámbito, o da Xustiza, onde fica moito traballo en materia de normalización.


“É intolerábel –dixo- que cando unha xuíza pretende democratizar este estado de cousas, facendo normal o que neste momento é anómalo, isto é, a incorporación do galego no ámbito xudicial, sofre toda a contundencia dunha resposta que mostra a auténtica faciana, belixerante contra a lingua e a cultura do noso país e negadora dos dereitos democráticos máis elementais”.


O deputado do BNG considera que con esta actuación a Cope non só está emitindo unha opinión sustentada nunha liña ideolóxica-política ben coñecida senón que, ademais, pretende “eliminar literalmente” ás poucas persoas que están a traballar na Administración de Xustiza a prol da normalización.


Ante o exposto, Lobeira quer coñecer a opinión do goberno da Xunta, que análise realiza sobre a actual situación do galego na Administración de Xustiza, que medidas vai adoptar en defensa da normalización neste ámbito e a canto ascenden as axudas públicas que recibe a COPE por razón de promocionar a lingua galega.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

MOBILIZACIÓNS EN MADRID SOBRE NEGOCIACIÓN DA LOEO, DETALLE DE FUNCIÓNS E MELLORAS SALARIAIS

  As/os delegadas/os da CIG Xustiza estiveron esta mañá na concentración convocada diante do Ministerio en Madrid apoiando as mobilizacións que se están a levar a cabo solicitando a paralización da tramitación da LOEO, unha regulación máis detallada das funcións dos distintos corpos así como un aumento salarial acorde a esas funcións.

NOVOS PERMISOS FAMILIARES EBEP

Mentras non se mude a OPAX haberá que facer a petición dos permisos a través dos modelos que vos deixamos na ligazón. Ligazón folla informativa e modelos: https://drive.google.com/file/d/1MPr5QqScvQRMwysy7gh6SzErzD0lrRKo/view?usp=sharing

MANIFESTACIÓN EN MADRID REIVINDICANDO MELLORAS NA LOEO, FUNCIÓNS E RETRIBUCIÓNS

Manifestación en Madrid sobre reclamación de melloras na negociación da LOEO, detalle de funcións e melloras retributivas para todo o estado.