A Dirección Xeral de Xustiza anuncia a organización de CURSOS DE DE LINGUAXE XURÍDICA GALEGO niveis MEDIO e SUPERIOR, baixo os seguintes requisitos:
1.- Destinatarios: Maxistrados, Xuíces, Fiscais, Secretarios Xudiciais, Médicos Forenses, funcionarios dos corpos de Xestión Procesual e Administrativa, de Tramitación Procesual e Administrativa e de Auxilio Xudicial que na data deste anuncio estean prestando servizos efectivos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
2.- Período de celebración: Mes de Agosto con comezo o día 4 ás 10 horas. O horario de clases será intensivo e diario, e establecerase o día de comezo.
3.- Localidades de celebración:
Cursos:
Medio e Superior: A Coruña, Ourense e Vigo.
No modelo de solicitude expresaranse as localidades nas que se desexe realizar o curso por orde de preferencia, a fin de que o/a solicitante teña opción para realizar o curso noutra localidade, se por non reunirse o nº mínimo de solicitudes (15) ou por algún outro motivo (como o exceso de solicitantes) non resultase admitido na solicitada como preferente.
E os cursos medio e superior nos seguintes centros:
A Coruña: Centro de Educación Infantil e Primaria "Ramón da Sagra", sito no Polígono de Elviña, Rolda Camilo José Cela.
Ourense: Escola Oficial de Idiomas. Paseo Mestre Vide s/n ?As Lagoas.
Vigo: Instituto de Ensino Secundario "Os Rosais 2" Rúa As Coutadas s/n, Teis.
4.- Estrutura e programa dos cursos:
4.1 A duración dous cursos de perfeccionamento, medio e superior será de 75 horas; delas 60 de presenza efectiva dos alumnos no aula, e as demais dedicadas á realización de traballos ou outras actividades encomendadas polo profesor ou equipo docente.
4.2 Os contidos docentes serán os sinalados na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 1 de abril de 2005.
4.3 A asistencia a clases será obrigatoria. A ausencia de cada alumno ou alumna non poderá superar o dez por cento da duración total do curso no que se matriculou.
4.4 Para ser declarado apto ao final do curso, cada asistente deberá acreditar:
- Que asistiu ás clases e que non superou o mínimo de ausencias permitido.
- Que superou as probas que ao longo e ao final do curso o profesor ou profesores foron establecendo.
- Que realizou satisfactoriamente os traballos prácticos encomendados.
- Que ao final do curso posúe un dominio teórico e práctico do idioma galego propio do nivel ao que asistiu.
4.5 A avaliación será un proceso progresivo e continuo e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, o traballo diario no aula, os traballos teóricos e prácticos encomendados e a asistencia.
5. Requisitos que deben reunir os solicitantes:
5.1 Para acceder ao curso de nivel medio: ter aprobados ou convalidados o curso de nivel básico ou o curso de perfeccionamento.
5.2 Para acceder ao curso de nivel superior: ter aprobado o curso de nivel medio.
6. Solicitudes:
6.1 Para solicitar ser admitido en calquera dos cursos que se anuncian, enviarase cuberto o formulario que figura como Anexo I por fax ao nº 981.546215/01, ou por correo á seguinte dirección: Dirección Xeral de Xustiza. -Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza .- Praza de Europa, 5 A ? 4ª planta15781 Santiago de Compostela .-Correo electrónico: servizo.relacions.administracion.xustiza@xunta.es
6.2 Xunto co formulario de solicitude acompañarase a seguinte documentación:
* Convalidación ou Certificación acreditativa de superar o nivel de coñecemento do idioma galego para poder ser admitido no curso que se solicita (de acordo co especificado no apartado 5).
* Documento que acredite de xeito suficiente a antigüidade no corpo.
7.- Prazo para presentar as solicitudes.
O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 30 de maio de 2008.
8.- Admisión de solicitudes.
A Dirección Xeral de Xustiza resolverá acerca da admisión das solicitudes, e publicará a través da páxina web da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.é/xustiza/dxxpersoal.htm) lista de admitidos e excluídos así como as causas de exclusión.
As reclamacións relacionadas coa admisión ou non admisión presentaranse ante esta mesma Dirección Xeral.
8.1 Criterios de admisión:
- Antigüidade nos distintos corpos da Administración de Xustiza.
-Formarase un grupo de como mínimo, 15 solicitantes para unha mesma localidade e nivel. Caso de que non se reúna ese nº mínimo, darase a estes solicitantes a oportunidade de incorporarse (se existisen prazas suficientes) noutra localidade.
9.- Incompatibilidade.
A participación nun curso de linguaxe xurídica dos incluídos na presente convocatoria supón a non admisión en calquera outro curso de linguaxe xurídica convocado ou que se poida convocar neste ano 2008 calquera que fosen os seus niveis respectivos.
Comentarios
Publicar un comentario