Saltar ao contido principal

A PLATAFORMA SINDICAL PIDE O CESE DO SUBDIRECTOR DE XUSTIZA




As cinco centrais sindicais que representan os traballadores da Administración de Xustiza en Galicia, CSIF, CCOO, UGT , CIG e SPJ-USO decidimos comparecer diante dos medios de comunicación para trasladar a nosa preocupación polo estado da Xustiza na nosa Comunidade, para denunciar entre outras cousas:




En canto a implantación das novas tecnoloxías no eido da Administración de Xustiza, as Centrais Sindicais entendemos que é necesaria e urxente a reforma tecnolóxica da Administración de Xustiza, pero que a mesma non se pode facer a consta dos traballadores, senón coa implicación e a participación deles. Neste senso, a Plataforma Sindical denuncia a actitude que durante os últimos catro meses se ven mantendo por parte da Subdirección Xeral de recursos materiais e informáticos da Administración de Xustiza, cuxo responsable enganou, ameazou e coaccionou aos traballadores, vulnerando non só os seus dereitos laborais, senón tamén os seus dereitos fundamentais mais básicos.




Así podemos pór como exemplo, o que está a ocorrer coa implantación do sistema de comunicacións electrónicas securizadas LexNet. A dita Subdirección ocultoulles información aos empregados públicos para que pedisen o certificado de sinatura electrónica sen advertirlles das responsabilidades e obrigas que contraen ó facelo. Facéndolles crer que era obrigatorio e ameazándoos con que terían que aportar os seus propios medios de non solicitala. Para iso, empregou indebidamente a páxina web a través da que a Dirección Xeral de Xustiza se comunica cos traballadores, e enviou a un dos funcionarios da Subdirección aos xulgados presuntamente como “axente da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre”, que sen mediar explicación ningunha instaba a que se asinase a solicitude. Todo isto é sinxelamente intolerable. Ningún empregado público pode ter a obriga de soportar a carga de aportar as ferramentas para que Administración funcione. E menos aínda cando estamos a falar dunha cuestión, como é a sinatura electrónica, que forma parte do eido mais íntimo da persoas, que teñen o dereito e a liberdade de solicitala ou non e, no caso de tela, de elixir libremente cómo e cando a utilizan. A Administración ten que pór a disposición dos traballadores as ferramentas necesarias para o seu traballo. Ningún traballador se nega nin a empregalas nin a formarse para utilizalas, ao contrario quere formar e sentirse parte do proxecto de modernización da xustiza.




Pero é que chove sobre mollado, porque a mesma Subdirección ven pretendendo dende fai tempo que os empregados públicos da administración de xustiza lle fagan o traballo a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos. Si, tal como o escoitan. A Subdirección Xeral de recursos materiais e informáticos, empregando parecidos medios de coacción aos anteriormente mencionados para a solicitude dun certificado dixital de sinatura electrónica, ven obrigando aos empregados públicos de xustiza de Galicia a utilizar o programa informático “Ganes”, que o que utilizan os traballadores de Correos para a recepción e distribución postal. É dicir, non chega coa carga de traballo que temos nos xulgados que agora temos que facerlle o traballo a Correos. Dende a Plataforma Sindical queremos manifestar que o servizo de correos é un servizo público esencial, polo que o incumprimento da obriga da súa prestación pola Sociedade Estatal de Correos e os prexuízos que por tal motivo cause, deberán recaer sobre a mesma e non sobre terceiros (non esquezamos que se trata dunha sociedade anónima con capital público ao cen por cen). E, se a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos considera que a Administración Autonómica está a incumprir acordos ou contratos asinados entre ámbalas dúas, debe dirixir as súas queixas ou as súas denuncias á Xunta de Galicia, ao fin de acadar o seu cumprimento.




As Centrais Sindicais tamén queremos denunciar que, dun tempo a esta parte, estase a abusar da concesión de claves aos empregados públicos para acceder aos rexistros administrativos de apoio a Administración de Xustiza. O Ministerio de Xustiza está a conceder alegremente as claves que os Secretarios xudiciais de cada órgano piden para os funcionarios. O cal se fai sen ningún tipo de criterio, co que isto supón de incremento na inseguridade e na vulnerabilidade do sistema. Pero e que, ademais, nin o Ministerio nin a Xunta formou aos traballadores para o manexo das aplicacións relativas a ditos rexistros administrativos, co que nos atopamos que, por exemplo, aínda que se pode acceder aos datos de Facenda ou da Seguridade Social, os traballadores se pasan unha boa parte do seu tempo tratando de descifrar o seu funcionamento, co que en vez de adiantar se atrasa.




Finalmente, en relación coa aplicación informática “Minerva” que se está a implantar nos órganos xudiciais de Galicia, temos que denunciar que non representa avance ningún sobre a súa predecesora “Libra” e que, en algúns casos, incluso supón un retroceso. Por riba, a Subdirección Xeral de recursos materiais e informáticos da Administración de Xustiza, responsable da súa implementación, non escoita aos traballadores nin atende as necesidades do servizo, e, nunha mostra máis da súa prepotencia e falla de previsión, establece o plan formativo de calquera xeito, como no caso do LexNet, sen importarlle, por exemplo, que o xulgado afectado estea de garda.




Por elo e ante a gravidade dos feitos que vimos de denunciar e en especial o uso por parte do Subdirector de Medios Materiais e Novas Tecnoloxías (D. Miguel Formoso), nos últimos 4 meses, dende que se deu unha interinidade na Dirección Xeral como consecuencia do cambio de Goberno, da Intranet da Dirección Xeral de Xustiza, como plataforma para lanzar noticias, comunicados e ordes dirixidas aos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza con claros contidos ameazantes e coercitivos , ninguneando aos Sindicatos e vulnerando o dereito a Negociación Colectiva, pois as mesmas non foran previamente negociadas cos lexítimos representantes dos Traballadores cando afectan claramente as condicións de traballo do colectivo que representamos.




Polo que as Organizacións Sindicais integrantes da Plataforma, que representamos ao 100% dos funcionarios e funcionarias ao Servizo da Administración de Xustiza de Galicia, esixímoslle ao Sr. Conselleiro de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza que de forma urxente lle “agradeza os servizos prestados” ao ínclito Subdirector, que por outra banda leva no cargo mais de 8 anos ininterrompidos, para así evitar ter que pedir a súa dimisión ou o seu cese, xa que esta persoa no a consideramos como un interlocutor valido nin fiable para esta singradura que agora empeza.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

NOVOS PERMISOS FAMILIARES EBEP

Mentras non se mude a OPAX haberá que facer a petición dos permisos a través dos modelos que vos deixamos na ligazón. Ligazón folla informativa e modelos: https://drive.google.com/file/d/1MPr5QqScvQRMwysy7gh6SzErzD0lrRKo/view?usp=sharing

ERRO MONUMENTAL NAS VACANTES DO VINDEIRO CONCURSO DE TRASLADOS

A media mañá de hoxe venres recibimos unha chamada da Subdirectora Xeral de Persoal da Adminstración de Xutiza de Galiza informándonos de que se vai ver modificada a lista de vacantes que se ofertarán no concurso. A razón é que se convocaron para a oposición un maior número de prazas das que agora teñen dispoñibles para outorgar destino, polo que se tivo que tomar a decisión de retirar do concurso aquelas prazas que non tiveran sido cubertas a resultas no do ano pasado. Entendemos que é un problema grave ao que a Dirección Xeral ten que buscar solución e que ningún aprobado/a se debe ver prexudicado/a pola mala previsión das persoas responsables, pero ofertando un menor número de prazas estase aminorando tamén a posibilidade de que os compañeiros e compañeiras que están destinados/as fóra de Galiza ou lonxe do seu domicilio poidan acadar unha praza máis próxima. Denunciamos polo tanto o mal facer da Administración neste caso así como o prexuízo que se está a causar ás persoas que quere

PARABENS Á SUBIDA SALARIAL ACADADA EN EUSKADI

Desde CIG-Xustiza queremos parabenizar as e os compañeiras/os de Euskadi polo acordo alcanzado onte co Goberno Vasco. Dito acordo supón un aumento retributivo do 13% e recolle a reivindicación histórica do colectivo de equiparar os salarios as táboas do persoal homologado da Administración Xeral da Comunidade Autónoma Vasca. As asambleas de traballadores e traballadoras celebradas no día de onte nas 3 cidades vascas ratificaron este acordo que supón o seguinte:  • Respétase a modalidade da xornada de I persoal de xustiza con todas as súas especificidades, incluído os días que resultan do exceso. • Incremento das retribucións brutas anuais nas seguintes cantidades:   FORENSES : 3.254,76€  XESTIÓN: 4.611,32€  TRAMITACIÓN: 4.007,64€  AUXILIO: 3.461,08€ • O abono das cantidades sería un 50% a sinatura do acordo e outro 50% o 1 de xaneiro de 2024, momento no que se vería alcanzada a equiparación salarial • Recoñécese un plus salarial para as traballadoras nos Xulgados de Violencia contr