A REFORMA DO ARTIGO 521 DA LOPX.
Na mesa sectorial do pasado día 27 de outubro celebrada en Madrid, o Ministerio presentou aos Sindicatos integrantes da mesma, entre os que estaba a CIG, unha proposta de acordo no que se comprometía a levar ao Consello de Ministros unha modificación do Regulamento de Ingreso, concretamente do Art. 39, e engadirlle un 39 bis, coa fin de rectificar a agresión aos dereitos de tódolos funcionarios e funcionarias ao Servizo da Administración de Xustiza que, como consecuencia da brutal reforma do Art. 521 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, fora aprobada o pasado 15 de outubro cos votos a favor do PSOE e do PP. Por parte do Ministerio déusenos un prazo de 10 minutos, na propia mesa, para que estudaramos o texto do acordo e decidísemos se o aceptabamos ou non; ante esa situación, e dado que a CIG non coñecía o contido do documento e o calado do mesmo, xa lle manifestamos nese mesmo momento ao Ministerio que non o aceptabamos. A mesma postura mantiveron as centrais sindicais ELA e CSIF, mentres que o resto de centrais, é dicir, CC.OO., UXT e STAJ eran totalmente favorables ao acordo prantexado e estaban dispostos a asinarlo naquel momento (agás UXT que puxo certos reparos e pedía 24 horas para asinalo); así as cousas, o acordo foi asinado por CCOO, UXT e STAJ na mañá do día seguinte (28 de outubro).
Se analizamos o Acordo polo miúdo, para a CIG e inasumible, pois, en primeiro termo, dubidamos da súa eficacia e pensamos que o modificado pola reforma da lei Orgánica do Poder Xudicial non poder ser contrarreformado aos 15 días por un regulamento, dado que, de ser así , para que se fixo entón a reforma da Lei Orgánica? Cabe polo tanto preguntarse por que o Ministerio, no momento da sinatura, se compromete a darlle traslado do acordo ás Comunidades Autónomas; non sería máis fácil que o publicara no BOE ou que nin tan sequera tiveran chegado ao acordo co PP para reformar o artigo 521?.
Pese a todo e, de ser ou non posible a contrarreforma da reforma (que xa o tempo dará a razón a cada quen), o que sí e certo é que os nosos dereitos seguen aldraxados, pois no acordo asinado non se reformou o artigo 65 “redistribución de efectivos” polo que agora se poderán adscribir por necesidades do servizo aos funcionarios que ocupen con carácter definitivo postos xenéricos a outros da mesma natureza do mesmo centro de destino (UPADs da mesma localidade – ata o de agora unicamente nos podían adscribir na mesma orde xurisdicional). Polo que no mellor dos casos podemos pedir para onde desexemos que despois xa nos redistribuirán para onde lles pete.
O curioso deste caso é que o Goberno consegue nun prazo de 15 días dous acordos moi curiosos e totalmente contrapostos. O PSOE (Partido do Goberno) pacta co PP a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e o Goberno do PSOE, pacta con algúns Sindicatos a contrarreforma do pactado polo PSOE e o PP no parlamento español.
Polo todo isto, é evidente que CIG non vai asinar o Acordo, nin o fará no futuro, pois supón, no noso parecer, un retroceso nos nosos dereitos e, dende agora, manifestamos que continuaremos loitando para que os mesmos avancen e nunca retrocedan como así pretenden outros.
Comentarios
Publicar un comentario