No día de onte (11/04/13) déusenos traslado por esa Dirección Xeral, do texto definitivo da resolución que regula o réxime de vacacións, permisos e licencias dos funcionarios da Administración de Xustiza en Galicia e, tralo estudo da mesma podemos constatar que foron atendidas algunhas das reivindicacións da plataforma sindical composta polos sindicatos que encabezan este escrito, únicos con representación na mesa de negociación, se ben outras propostas non foron tidas en conta.
Entre as reivindicacións sindicais que foron atendidas atópanse as seguintes:
· Posibilidade de gozar das vacacións en calquera época do ano, a diferenza doutros funcionarios da Administración de Xustiza, Admón. Central, etc..que teñen que gozar polo menos a metade das vacacións entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.
· A posibilidade de goce de sete días de xeito independente, que se poderán acumular aos días de asuntos particulares, cando para a administración xeral do estado son cinco días.
· Poder acumular os días de Asuntos Particulares as Vacacións
· No permiso por asuntos particulares Incorporarase un día adicional por cada unha das festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidade Autónoma, cando coincidan con sábado no dito ano.
· En canto ó permiso por accidente ou enfermidade grave dun familiar mellórase en canto a posibilidade de poder gozalo de forma descontinua nun período non superior a un mes desde o feito causante.
· Mantense o permiso de trinta días naturais para atender ó coidado dun familiar por accidente ou enfermidade moi grave e, o mesmo tempo, incorpórase un novo artigo coa posibilidade da redución do 50% da xornada laboral, e por un período máximo dun mes prorrogable a dous meses, e con retribución íntegra.
· Introdúcese igualmente un novo artigo por redución da metade da xornada por coidado de fillo menor afectado por cancro ou outra enfermidade grave, con retribucións íntegras e ata que o menor cumpra os 18 anos.
· Esiximos tamén desa Dirección Xeral de Xustiza, visto o recorte brutal en días de asuntos propios en comparación con outras administracións (de nove a tres días), a formación dunha bolsa de horas traballadas en exceso, para poder computalas por xornadas completas de libranzas, cun tope anual.
· Esiximos desa Dirección Xeral de Xustiza, a supresión do último inciso do parágrafo primeiro do art. 14 da Orden de Vacacións, Permisos e Licencias (permiso de lactación), posibilitando o goce de tal permiso ao pai a pesares de que a nai non traballe, baseado na doutrina do Tribunal Constitucional, normativa comunitaria e a propia Instrución de Función Pública.
· Igualmente esiximos a inclusión dunha xornada reducida a cinco horas diarias de luns a venres, cunhas retribucións do 75% da xornada completa, tal como establece a orde estatal que regula os horarios e xornadas xerais da Administración de Xustiza, por mellorar considerablemente esta redacción á normativa galega.
· Tamén, en canto a redacción do punto 3, do artigo 32 que regula a flexibilización do horario fixo da xornada diaria, seguimos insistindo en que se reflicta o texto que xa foi reiterado en numerosas ocasións polos OO.SS con representación na Mesa que ten a seguinte redacción:
“3.- Para regular o establecido nos apartados anteriores, a obrigatoriedade no cumprimento do horario fixo por parte do traballador/a verase reducida en unha ou dúas horas menos cada día, segundo os casos. O resto das horas, ata completar a xornada xeral establecida en cómputo mensual deberá realizarse a través do horario flexible.”
Por todo o antes exposto, CCOO- SPJ USO- UGT- CSI-F- CIG, consideramos necesario que se asuman estas reivindicacións, pois compensarían minimamente as brutais perdas de dereitos sufridos polos funcionarios da Administración de Xustiza e poñerían en valor o voluntarismo con que os funcionarios de Xustiza cobren as carencias históricas desta Administración Decimonónica.
Dar por finalizada a Negociación sen ter en conta estas alegacións impediría chegar a un acordo coas Organizacións Sindicais.
En Santiago a 12 de abril de 2013.
Comentarios
Publicar un comentario