Saltar ao contido principal

MANTENSE O RECORTE DO 4% PARA O 2014


A Área Pública da CIG reclama a recuperación do poder adquisitivo e a reposición completa da paga extra dos empregados/as públicos/as

A central sindical oporase ás políticas continuistas de destrución de servizos públicos anunciadas por Feijoo e advirte que dará unha resposta contundente ás mesmas

Antes as declaracións realizadas á prensa polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, en referencia ao mantemento dos recortes salariais e laborais para os empregados/as ao servizo das administracións nos orzamentos da Xunta e do goberno español para 2014, a Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) advirte que, de confirmarse, estas medidas recibirán unha resposta adecuada e contundente por parte da central sindical.

A decisión de manter o recorte salarial aínda non foi comunicada á representación do persoal, pero Núñez Feijoo xa a da por feita ante a opinión pública. Do mesmo xeito, o Presidente da Xunta ten a valentía de adiantar que a nivel do estado o goberno manterá a conxelación dos salarios. Unha medida á que a central sindical tamén se oporá.

Neste senso, cando se convoque á representación social ás mesas de negociación para os Orzamentos Xerais do Estado e os Orzamentos da Xunta, dende a Área Pública da CIG reclamarase, novamente, a recuperación do poder adquisitivo do conxunto dos traballadores/as públicos cando menos dende o ano 2010.

E no caso concreto da Xunta de Galiza, exixirase a reposición das pagas extraordinarias ao 100% para 2014 e a reposición do 4% (de promedio) do salario perdido neste ano 2013. Cómpre lembrar que as empregadas e empregados públicos dependentes da administración estatal e doutras administracións (local, Correos, entes públicos, etc.) non foron vítimas este ano do recorte do 40% en cada unha das pagas extraordinarias, tal como aconteceu co persoal da administración autonómica.

Para Área Pública da CIG este recorte carece de calquera tipo de xustificación, xa que se entende que dende a administración central se distribuíron os fondos necesarios para cubrir o abonamento completo das pagas extraordinarias a todos os traballadores/as da administración galega.

Unha vez máis, Núñez Feijoo abandeira as políticas de austeridade do PP e vai un paso máis alá na rebaixa dos dereitos laborais, contradicindo as medidas recollidas no programa electoral do PPdeG ou as declaracións realizadas polo propio presidente da Xunta hai unhas semanas na televisión.

A Área Pública da CIG, á vista das políticas continuistas de recortes adiantadas nos medios, reitera a súa oposición á imposición das taxas de reposición do 0%, á conxelación de ofertas de emprego públicas, amortizacións de vacantes, á non cobertura de prazas vacantes e á non regularización de prazas estruturais necesarias para a administración en todos os seus ámbitos (ensino, saúde, servizos sociais, etc.).

A central sindical reclama a recuperación de todos os dereitos adquiridos ao longo destes anos polos traballadores/as das administracións públicas, denunciando e avisando que o mantemento destas políticas neoliberais no ámbito público, suporán un afondamento na destrución, deterioro e eliminación dos servizos públicos nos momentos nos que, precisamente, deberían ser potenciados.

Sendo conscientes do deterioro e desaparición que xa padecemos en servizos esenciais como saúde, ensino, universidades, servizos sociais básicos, etc., a continuidade destas medidas concluirá o proceso acelerado de privatización e afondará máis na grave situación destes servizos públicos, que afectan non só as condicións laborais do persoal, senón, principalmente, á calidade e atención que reciben todos os cidadáns e cidadás.

Galiza, a 13 de setembro de 2013

Comentarios

Publicacións populares deste blog

NOVOS PERMISOS FAMILIARES EBEP

Mentras non se mude a OPAX haberá que facer a petición dos permisos a través dos modelos que vos deixamos na ligazón. Ligazón folla informativa e modelos: https://drive.google.com/file/d/1MPr5QqScvQRMwysy7gh6SzErzD0lrRKo/view?usp=sharing

ERRO MONUMENTAL NAS VACANTES DO VINDEIRO CONCURSO DE TRASLADOS

A media mañá de hoxe venres recibimos unha chamada da Subdirectora Xeral de Persoal da Adminstración de Xutiza de Galiza informándonos de que se vai ver modificada a lista de vacantes que se ofertarán no concurso. A razón é que se convocaron para a oposición un maior número de prazas das que agora teñen dispoñibles para outorgar destino, polo que se tivo que tomar a decisión de retirar do concurso aquelas prazas que non tiveran sido cubertas a resultas no do ano pasado. Entendemos que é un problema grave ao que a Dirección Xeral ten que buscar solución e que ningún aprobado/a se debe ver prexudicado/a pola mala previsión das persoas responsables, pero ofertando un menor número de prazas estase aminorando tamén a posibilidade de que os compañeiros e compañeiras que están destinados/as fóra de Galiza ou lonxe do seu domicilio poidan acadar unha praza máis próxima. Denunciamos polo tanto o mal facer da Administración neste caso así como o prexuízo que se está a causar ás persoas que quere

PARABENS Á SUBIDA SALARIAL ACADADA EN EUSKADI

Desde CIG-Xustiza queremos parabenizar as e os compañeiras/os de Euskadi polo acordo alcanzado onte co Goberno Vasco. Dito acordo supón un aumento retributivo do 13% e recolle a reivindicación histórica do colectivo de equiparar os salarios as táboas do persoal homologado da Administración Xeral da Comunidade Autónoma Vasca. As asambleas de traballadores e traballadoras celebradas no día de onte nas 3 cidades vascas ratificaron este acordo que supón o seguinte:  • Respétase a modalidade da xornada de I persoal de xustiza con todas as súas especificidades, incluído os días que resultan do exceso. • Incremento das retribucións brutas anuais nas seguintes cantidades:   FORENSES : 3.254,76€  XESTIÓN: 4.611,32€  TRAMITACIÓN: 4.007,64€  AUXILIO: 3.461,08€ • O abono das cantidades sería un 50% a sinatura do acordo e outro 50% o 1 de xaneiro de 2024, momento no que se vería alcanzada a equiparación salarial • Recoñécese un plus salarial para as traballadoras nos Xulgados de Violencia contr