Nova sentenza gañada pola CIG. Neste caso, na defensa do persoal do corpo de auxilio xudicial destinado nas seccións penais das Audiencias Provinciais, que se ve obrigado moitas veces a facer un exceso horario por mor da celebración dos xuízos do tribunal do xurado.
É tónica habitual que este tipo de vistas se celebren en sesións maratonianas de mañá e tarde e que incluso haxa que acudir aos sábados cando o xurado está a deliberar. Ante este panorama, a Dirección Xeral non está a dar una solución para o exceso horario que se ven obrigados a facer as compañeiras e compañeiros, polo que non houbo máis remedio, como sucede en tantas ocasións, que acudir á vía xudicial. Un xulgado do contencioso administrativo acaba de darlle a razón a unha funcionaria do corpo de auxilio e recoñécelle o dereito a que se lle abone en concepto de indemnización, por exceso de xornada, un total de 17 horas, cos seus correspondentes xuros.
Desde a CIG instamos á Dirección Xeral a que de agora en diante artelle un mecanismo de compensación horaria adecuado para este persoal que veña a solucionar a insorportable situación que se está a dar nestes órganos, agravada pola amortización de prazas de auxilio nalgún deles, como é o caso, por exemplo, da Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña e da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo.
Comentarios
Publicar un comentario