Saltar ao contido principal

PETICION DE MEDIOS PARA OS XULGADOS DE VIOLENCIA

O BNG solicítalle ao Goberno que destine os recursos necesarios para aplicar a Lei contra a Violencia de Xénero

Santiago de Compostela, 30 Maio 08. A deputada do BNG no Parlamento español, Olalla Fernández Davila, anunciou hoxe a presentación de varias iniciativas polas que se lle demanda ao Goberno que destine os recursos financeiros e humanos necesarios para aplicar a Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero aprobada hai xa case 3 anos.

Davila presentou estas iniciativas en rolda de prensa en Santiago de Compostela, xunto á secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, o deputado do BNG no Parlamento Galego, Iago Tabarés, e a responsábel de Acción Feminista da Executiva do BNG, Charo Fernández Velho.

Creación de xulgados específicos contra a violencia de xénero en Galiza e no Estado Español

Olalla Fernández Davila considerou “indubidábel que non se aportaron os recursos necesarios para que a lei se cumpra, e tampouco existe a debida coordinación cos corpos de seguridade para aplicar medidas de prevención”.

Neste sentido, o BNG presentou unha Proposición non de Lei pola que se insta ao Goberno a “habilitar os recusos financeiros, técnicos e humanos que garantan a creación de xulgados especializados en delictos de violencia de xénero en todo o territorio do Estado español, en concreto polos que foron solicitados por Comunidades Autónomas que, como no caso de Galiza, teñan xustificado a súa necesidade.

Ademais, solicítase que se asegure que “as persoas adicadas a atender toda a tramitación xurídico-administrativa destes casos de violencia de xénero conten coa formación necesaria para poder desenvolver adecuadamente o que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero establece”.

Por último, a iniciativa do BNG demanda que “se garanta a debida coordinación entre estes xulgados especializados e os corpos de seguridade do Estado a fin de poder realizar o seguimento das ordes de afastamento e as medidas de protección ás mulleres que a lei contempla”.

Os asuntos de violencia de xénero acumulados nos xulgados galegos medraron un 36% en 2007

Pola súa parte, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, subliñou a necesidade de incrementar os xulgados específicos de violencia de xénero. Neste momento, existen dous en Galiza, na Coruña e en Vigo, e tanto a Secretaría Xeral de Igualdade como o Parlamento Galego, a iniciativa do BNG, xa lle teñen reclamado ao Goberno Central a creación de 5 máis nas restantes cidades galegas.

Como proba desta necesidade, Carme Adán lembrou que, segundo dados do propio Consello Xeral do Poder Xudicial “os asuntos de violencia de xénero acumulados nos xulgados galegos medraron un 36 % en 2007 mentres que as denuncias o fixeron nun 11%.

En concreto, os asuntos de violencia de xénero pola vía civil acumulados nos xulgados medraron un 23% o pasado ano, mentres que os que se tramitan pola vía penal incrementáronse nun 36%, pasando de 1711 pendentes a finais de 2006 a 2.336 sen resolver a finais de 2007.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

MOBILIZACIÓNS EN MADRID SOBRE NEGOCIACIÓN DA LOEO, DETALLE DE FUNCIÓNS E MELLORAS SALARIAIS

  As/os delegadas/os da CIG Xustiza estiveron esta mañá na concentración convocada diante do Ministerio en Madrid apoiando as mobilizacións que se están a levar a cabo solicitando a paralización da tramitación da LOEO, unha regulación máis detallada das funcións dos distintos corpos así como un aumento salarial acorde a esas funcións.

NOVOS PERMISOS FAMILIARES EBEP

Mentras non se mude a OPAX haberá que facer a petición dos permisos a través dos modelos que vos deixamos na ligazón. Ligazón folla informativa e modelos: https://drive.google.com/file/d/1MPr5QqScvQRMwysy7gh6SzErzD0lrRKo/view?usp=sharing

MANIFESTACIÓN EN MADRID REIVINDICANDO MELLORAS NA LOEO, FUNCIÓNS E RETRIBUCIÓNS

Manifestación en Madrid sobre reclamación de melloras na negociación da LOEO, detalle de funcións e melloras retributivas para todo o estado.