A conferencia sindical que se celebrou en Santiago de Compostela o 7 de febreiro aprobou por aclamación a mobilización.
O
secretario xeral da CIG compareceu en rolda de prensa
xunto ao responsábel de Comunicación e Propaganda para anunciar a
convocatoria dunha folga xeral para a última semana
do mes de marzo. A decisión foi adoptada por aclamación -só houbo sete
abstencións- pola conferencia
sindical que se celebrou en Santiago de Compostela e
na que participaron máis de 350 dirixentes da central nacionalista. A data
definitiva será consensuada coas distintas organizacións sindicais que
decidan sumarse á mobilización.
Suso
Seixo comezou a súa intervención apelando á necesidade da
mobilización social como único xeito de amosar rexeitamento ás
políticas que está a aplicar a Unión Europea e o Estado español.
Neste senso, cualificounas de inxustas e equivocadas: inxustas, porque
cargan as consecuencias da crise económica sobre a maioría social,
a clase traballadora; e equivocadas porque non están a servir para
recuperar a economía e os niveis de emprego. Ben ao contrario, as
medidas adoptadas están a provocar máis paro e un incremento da
precariedade, da desigualdade social e da pobreza.
Fronte
a isto, a CIG aposta por convocar unha folga xeral nacional para a
última semana de marzo. A data definitiva será consensuada coas
organizacións sindicais que decidan sumarse á mobilización, aínda que a
central nacionalista baralla a posibilidade de que sexa o luns 26 ou o
martes 27. O máximo responsábel da central nacionalista indicou que
trasladarán
a proposta a todos os sindicatos que operan no noso país e ás distintas
organizacións sociais e políticas galegas. Ao
mesmo tempo, adiantou que tamén se contactará coas centrais
nacionalistas vascas, catalás e canarias para que se sumen á protesta.
Dar resposta ás próximas reformas
Así
mesmo, Seixo explicou que a folga persegue tamén dar unha resposta
contundente ás próximas reformas laborais anunciadas polo Goberno
español do PP. “Tampouco debemos de esquecer que teñen previsto
aprobar no mes de marzo os orzamentos xerais para 2012, que
contemplará importantes recortes do gasto público xa que pretenden
reducir o déficit en 40.000 millóns de euros”, comentou.
Finalmente,
amosouse moi crítico cos pactos alcanzados entre o sindicalismo
español e a patronal xa que, na súa opinión, supoñen unha perda
de dereitos e a desmobilización da clase traballadora. “Tamén
supoñen unha derrota no eido ideolóxico porque secuestran o debate
sobre un novo modelo económico e social máis xusto, solidario e ao
servizo da maioría social”.
Para
rematar lembrou o papel activo que a CIG xogou dende o inicio da
crise, tanto presentando alternativas como afondando no debate
ideolóxico sobre un novo modelo, “conscientes de que o actual
sistema capitalista neoliberal fracasou”. Diante disto, fixo un
chamamento a secundar a folga xeral e participar nas mobilizacións
previas que se desenvolverán nas vindeiras semanas.
Comentarios
Publicar un comentario