O pasado día 17 as delegadas de Xustiza da CIG na Coruñam mantivemos unha reunión coa alcaldesa para recabar o seu apoio á modificación do sistema de gardas na cidade da Coruña. Inés Rey manifestou non só a súa postura favorable senón tamén a súa disposición para presionar a Rueda para que emita dunha vez o informe que está pendente e, a instancia da CIG, comprometeuse a presentar unha moción no primeiro pleno do ano 2020 para intentar acadar unha declaración institucional de apoio ás gardas de 24 horas para a cidade que, posteriormente lle sería remitida ao Vicepresidente.
Para a aprobación da declaración institucional precísase o apoio de todos os grupos municipais, polo que estamos a manter reunións con eles.
De non conseguir o apoio de todos pero si da maioría, o que sería aprobada sería unha moción, que tamén se remitiría á Xunta.
Asimesmo, lembrar que no mes de setembro non foi aprobada unha proposición non de lei presentada polo grupo do PSOE no Parlamento galego instando á emisión do informe favorable, polo que, a CIG no mes de outubro púxose en contacto con outros grupos parlamentarios, dando lugar á presentación de novas proposicións non de lei por parte do Grupo mixto e BNG.
Por outra banda, dado o rexeitamento da primeira proposición, a Xunta de Xuízas/es da Coruña reiterou o pasado mes de novembro o acordo da mesma, do mes de maio, que deu lugar en xuño a un acordo
da Sala de Goberno do TSXG no que amosaba a súa conformidade.
Comentarios
Publicar un comentario