O Consello Xeral do Poder Xudicial ( CGPJ) emitiu hoxe informe favorable á implantación do sistema de prestación do servizo de gardas de 24 horas nos partidos xudiciais da Coruña e Vigo, aínda que advirte de que o cambio está condicionado a que a Xunta e o Ministerio de Xustiza asuman o seu custo económico. A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cursou en 2019 a solicitude do cambio do sistema de gardas ao CGPJ tras dar o visto e prace á proposta dos xuíces de instrución da Coruña e Vigo, quen avoga por modificar as gardas semanais actuais por gardas de 24 horas con quenda rotatorio diario. A medida, segundo indica o CGPJ no seu informe, melloraría o servizo que se ofrece á cidadanía.
O Ministerio de Xustiza mostrouse conforme coas novas quendas e disposto a asumir o custo, pero advirte de que a autorización, a efectos económicos, quedaría supeditada á dispoñibilidade orzamentaria, unha vez se procedera á aprobación da próxima Lei de Orzamentos Xerais do Estado. A Xunta, pola súa banda, considera “imposible” dispoñer dos recursos económicos necesarios neste momento para poñer en marcha o novo sistema aínda que, segundo o informe que remitiu ao CGPJ, no futuro podería considerar a súa implementación. O Goberno galego explica no documento que a situación de emerxencia sanitaria provocou “unha reorientación dos recursos, sempre limitados, cara á creación de novos órganos xudiciais”.
A Administración autonómica destaca que Galicia acaba de poñer en marcha tres novos xulgados do social na Coruña, Vigo e Lugo, un investimento que supón “un gasto superior ao que suporía para esta comunidade as gardas de 24 horas de ambas as cidades”. Debido a esa priorización de recursos, a Xunta non considera viable neste momento a implantación do novo sistema
Ligazón CXPX:
Comentarios
Publicar un comentario