A CIG vén denunciando, de xeito reiterado, o incumprimento por parte da Xunta da normativa autonómica, estatal e europea en materia de lingua, coa que hoxe en día se están a conculcar os dereitos da cidadanía, das traballadoras/es e das/os profesionais da Administración de Xustiza no uso da nosa lingua.
A CIG tiña solicitado, tamén reiteradamente, que a Administración iniciase os trámites e puxese os medios necesarios para implementar a aplicación Minerva en lingua galega. Para iso, ademais de varios escritos presentados, a CIG tivo unha entrevista o pasado mes de xaneiro co Director Xeral de Xustiza e, posteriormente, varias conversas nas que este se comprometeu a atender as nosas demandas e comezar canto antes os pasos para acadar o obxectivo de ter unha interface de Minerva totalmente operativa en galego.
Días atrás a Dirección Xeral de Xustiza encomendoulles aos equipos lingüísticos da Administración de Xustiza a tradución ao galego dos modelos da aplicación Minerva, que comezarían pola orde social e o xuízo verbal civil. Tamén tiña previsto coordinarse con Amtega para levar a cabo todo o proceso de implementación de Minerva na nosa lingua. O director xeral comprometeuse a ternos informados da marcha dos traballos.
Esperamos que, dunha vez por todas, a nosa demanda para salvagardar os dereitos da cidadanía, das/os traballadoras/es e das/os profesionais da Administración de Xustiza en relación co uso da nosa lingua cheguen a bo porto e, máis pronto que tarde, poidamos tramitar os procedementos en galego, como é o desexo de moitas compañeiras/os e dos distintos operadores xurídicos que, a día de hoxe, vense obrigados a realizar o seu traballo e as súas actuacións en español, moi ao seu pesar.
Comentarios
Publicar un comentario