O BNG urxe medidas que melloren o funcionamento dos Xulgados do Penal, xa que o incremento normativo non se corresponde cun incremento da plantilla, que non experimentou un medre semellante á carga de traballo que asumeu nin os asuntos en fase de execución recibiron maior atención que antes.
O portavoz de Xustiza do g.p do BNG, Iago Tabarés, ven de presentar unha proposición non de lei para abordar a adopción de medidas de mellora do funcionamento dos xulgados do penal en Galiza, pois o incremento normativo, de aprobación de leis, non se corresponde cun incremento e dotación de medios para poder aplicalas, explicou.
Tabarés, durante unha rolda de prensa de presentación da iniciativa, explicou que cumpría unha reflexión seria sobre a situación da Xustiza nestes momentos mais lembrou que non é de agora, senón que é froito do desleixo dos diferentes gobernos, sobre todo do Estado –que asume a maior parte das competencias-, “máis preocupado pola politización do sistema, por influir no mesmo que por garantir a súa condición de servizo público”.
O deputado nacionalista puxo como exemplo desta disfunción que se dá entre incremento da carga de traballo e escasez de medios as leis de Axuízamento rápido (2002), a de Violencia de Xénero (2004) ou a modificación do Código Penal en materia de seguranza viaria (2007).
“A pesares de todas estas modificacións lexislativas –dixo- a planta dos xulgados do penal na Galiza apenas aumentou, a plantilla de persoal non experimentou un medre semellante á carga de traballo que asumiron nin os asuntos en fase de execución recibiron maior atención que antes”.
A este respeito, explicou que as plantillas son practicamente as mesmas que hai oito ou dez anos, e que a carga de traballo, por exemplo a nivel de execución de resolucions para vixíanza incrementou un sete por cento ao respeito do ano pasado.
Asemade, o parlamentar dixo que en Galiza hai algo máis de 13.700 resolucións xudiciais pendentes de execución, os 20 Xulgados do Penal que hai no país, nun ano de moito traballo como o pasado, concluiron 13.800 executorias, do que se desprende que para poder resolver e pór ao día o pendente eses 20 Xulgados deberían adicarse en exclusivo a ese traballo, non poderían entrar asuntos novos.
Iago Tabarés lamentou ter que “escarmentar en cabeza allea” pero dixo que feitos como os acontecidos en Andalucía tamén poderían ter ocorrido aquí, polo que cómpre traballar na liña da “Xustiza que queremos, un servizo público, pois unha xustiza que non é áxil no é xusta”.
Entre as medidas que recolle a iniciativa nacionalista, por tanto, está o incremento de plantillas, tanto de interinos como de novos funcionarios, singularmente na sección de execucións-; a alongación de xornada –reclamada polos traballadores, que poidan traballar pola tarde de forma retribuida-; a mellora da coordinación entre os xulgados, forzas e corpos de seguranza, institucións penitenciarias, e, a medio prazo, estudar a creazón de unidades xudiciais especiais específicas en materia de execución penal.
Iago Tabarés reiterou a reivindicación do BNG de crear tamén un Consello Xudicial Galego, toda vez que o propio Consello Superior do Poder Xudicial recoñeceuse incapaz de avaliar o nível de atasco do sistema, polo que un órgao como este Consello tamén podería ser útil para facer fronte á actual situación.
Comentarios
Publicar un comentario