viernes, 30 de octubre de 2015

NORMAS PARA CESAMENTOS E TOMAS DE POSESIÓN NO CONCURSO DE TRASLADOS

Na intranet xudicial publicouse que o vindeiro venres 6 de novembro sairá no BOE e no DOG a Resolución do 19 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados para prazas vacantes entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 20 de maio de 2015.
Segundo a resolución, tanto a toma de posesión coma os cesamentos realizaranse na xefatura ou delegación territorial correspondente ao destino. No caso de cesar e tomar posesión na mesma localidade ou en distintas localidades dunha mesma provincia, ambas as formalizacións poderanse facer o día da toma de posesión, sendo a data de formalización do cesamento a que corresponda de acordo coa resolución de adxudicación.

Dado que no caso de tramitación o final do prazo de toma de posesión coincide cun sábado, poderá tomarse posesión ao luns seguinte.
 
Consultade aquí o resto de condicións establecidas:

Modelo de datos bancarios:
Modelo de entrega de tarxeta identificativa:
Modelo 145 IRPF - Retencións Facenda:

jueves, 29 de octubre de 2015

NOTA INFORMATIVA MESA SECTORIAL DE MADRID - VARIOS

Aquí vos deixamos a nota informativa sobre o acontecido na mesa sectorial do Ministerio de Xustiza do pasado 27 de outubro, en relación con varios temas como: consolidación de reforzos, IT, oposicións, substitucións, permisos, etc.

Ligazón nota informativa:

CESAMENTO DOS REFORZOS DE FISCALÍA - 16 DE NOVEMBRO

A Dirección Xeral de Xustiza indicounos que aquelas compañeiras/os interinas/os que ata o de agora viñan realizando labores de reforzo nas catro fiscalías provinciais cesarán con data 16 de novembro, xa que só se lles prorrogará o seu contrato ata esa data, con independencia de se xa tomaron  ou non posesión os titulares correspondentes.

martes, 27 de octubre de 2015

EXCEPCIONALMENTE O MINISTERIO DE XUSTIZA FIXARÁ O 31 DE MARZO DE 2016 PARA O GOCE DOS DÍAS DE PERMISO

O Ministerio de Xustiza ven de comprometerse a fixar, con carácter excepcional e a través do calendario laboral, a data do 31 de marzo para o goce de todos os días de permiso. Entendemos que a Dirección Xeral de Xustiza fará seu este pronunciamento, tal e como manifestou no seu día, e estenderá tamén ao persoal de xustiza de Galiza esta ampliación extraordinaria do prazo para o goce dos permisos.

CRITERIOS PARA CHAMAMENTOS URXENTES PERSOAL INTERINO CORPOS XERAIS E MÉDICOS FORENSES

Este pasado luns tivemos xuntanza da mesa paritaria de persoal interino, segundo a administración, para fixar uns criterios xerais e claros para cando se deciden chamamentos urxentes (acordaron agora que van cesar aos médicos forenses o 31 de outubro):
A CIG pediu que se limitara ao que realmente é un chamamento urxente e que, no caso dos Médicos Forenses, se fixera polo sistema informático, xa que ao parecer estaba todo preparado dende setembro (axendas ben programadas, cesamentos comunicados, etc.) pero a Dirección Xeral pensou que era mellor, excepcionalmente, facer os novos nomeamentos como chamamentos urxentes. As demais centrais sindicais non puxeron maiores problemas que o feito de ser coñecedoras dos citados chamamentos urxentes.


1) Notificarannos aos sindicatos por correo as praza/s que van a ofertar para chamamentos urxentes. (perigo de que alguén comunique con antelación a citada praza ofertada)
2) Chamarán dende a Dirección Xeral a cada candidato un máximo de 2 veces cun intervalo de non menos dunha hora se non comunica.
3) Se comunica séguese intentando. Se non colle nos 2 intentos con chamada pásase ao seguinte da lista.
4) Se se acabou a bolsa, quedan prazas por dotar e persoas que non colleron o teléfono, volvese a empezar cos que quedaron.
5) Os candidatos terán 5 minutos para pensarse o da praza se non é da sua zona e logo teñen que chamar para dar resposta de si definitivamente a aceptan ou non.

6) No caso de haber máis dunha praza para chamamento urxente (caso actual dos Médicos Forenses) ofertaran as prazas a cada candidato por orde de puntuación e ira minguando a oferta  a medida que se vaian adxudicando.

Non entendemos porque a administración quere aplicar este sistema excepcional no caso dos médicos forenses, cando co sistema informático se resolvería a cuestión en 7 días con claridade para todos, tendo en conta ademais que a administración aseverou que tiña todo atado en ben atado dende setembro.

viernes, 23 de octubre de 2015

NOVO CONCURSO SECRETARIOS XUDICIAIS

O Ministerio de Xustiza comunicou  que xa ten remitido ao Boletín Oficial do Estado a Orde Ministerial de convocatoria do concurso de traslado ordinario do Corpo de Letrados da Administración de Xustiza, no que se ofertarán as prazas comprendidas no anexo que podedes comprobar na ligazón que vos deixamos abaixo. A data de publicación no BOE será o sábado 24 de outubro.

Ligazón anexo prazas secretarios:

jueves, 22 de octubre de 2015

CIG-XUSTIZA LAMENTA PROFUNDAMENTE O PASAMENTO DO COMPAÑEIRO XAQUÍN CHARLÍN


A morte o 21 de outubro do compañeiro Xaquín Charlín González, coñecido popularmente coma“Chon”, provocou un profundo pesar e tristura no conxunto da militancia da CIG-Xustiza. Charlín era integrante da Dirección Nacional do sector e foi durante décadas representante na Xunta de Persoal da provincia de Pontevedra. “Chon” foi un sindicalista combativo e firme na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Coa súa loita incansábel, foi un dos artífices da consecución do cuarto xulgado para Cambados, a súa vila natal e na que desenvolveu a súa traxectoria profesional.
A Charlín tamén temos que agradecerlle o seu compromiso inquebrantábel co galego no mundo da Xustiza. Nunha administración na que a lingua nacional é residual, foi quen de traducir ao noso idioma múltiples modelos de resolucións, oficios ou dilixencias que a aplicación informática do Ministerio só ofrecía en español. Foi unha das persoas que máis pulou pola normalización do galego na Xustiza.
Mais sobre todo, Charlín será lembrado pola súa simpatía, polo seu sentido do humor, pola retranca, pola súa vitalidade e polo seu compañeirismo.  Xaquín era un home respectado nos xulgados e en Cambados. Na vila deixaron pegada o seu activismo político e cultural e a súa implicación co tecido asociativo e deportivo. Tampouco se esquecerá a súa faceta como cronista e analista de todo o acontecido en Cambados a través do seu blog atimeucambados, azoute de caciques e reaccionarios.  Pero, ante todo, fóisenos unha grande persoa e amigo. "Unhagrandechea"

Xaquín, sempre ficarás na nosa memoria.
Que a terra che sexa leve, compañeiro!
 
Tanatorio do Salnés, Sala nº 2 - 18:15 horas

miércoles, 21 de octubre de 2015

LISTAXES DEFINTIIVAS CONCURSO DE TRASLADOS

O Ministerio, tal e como informabamos anteriormente, acaba de trasladarnos as listaxes definitivas do concurso de traslados para os corpos xerais de Xestión, Tramitación e Auxilio.
 Dado que non se nos facilitou o arquivo en Excel, as listaxes parciais de Galiza foron editadas a través do PDF xeral (se tedes algunha dúbida consultade o arquivo xeral no enlace do Ministerio ou contactade con calquera dos nosos delegados)

 Data de publicación prevista no Boletín Oficial do Estado e DOG: 6-11-2015

Auxilio Galiza:
https://drive.google.com/file/d/0B1P2rAI8dwGNX0dvQnVZMFF4dnc/view?usp=sharing
Tramitación Galiza:
https://drive.google.com/file/d/0B1P2rAI8dwGNZklZbHRNbU5WV0E/view?usp=sharing
Xestión Galiza:
https://drive.google.com/file/d/0B1P2rAI8dwGNeUw1LVd2N2Z2eFU/view?usp=sharing

Para máis información:
A Coruña  981182589 657768693 635607376
Lugo    982889035 639921202 615828798
Ourense 988687412 679742583

A ÁREA PÚBLICA DA CIG NON SE PRESTA AO CHANTAXE DA XUNTA

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde e CIG-Administración) decidiu non asinar, nin emitir voto sobre a proposta de acordo presentado pola Xunta de Galiza polo que se restaura unha ínfima parte dos dereitos sustraidos aos traballadores e traballadoras da administración pública galega. Entende que “non garante a recuperación económica do que tiñamos” como quedou confirmado por Función Pública na xuntanza deste xoves, nas que lles foron adiantados os contidos duns orzamentos para o 2016 que, tal e como temían, non contemplan a recuperación de dereitos.

Ligazón:

martes, 20 de octubre de 2015

DE MOMENTO NON HAI PRORROGA DO PRAZO PARA O GOCE DOS "CANOSOS"

Aínda que o persoal de autonómica si ten prorrogado o prazo do goce dos permisos ata o 30 de abril, parece ser que a Dirección Xeral de Xustiza está a agardar a ver cal é a decisión do Ministerio de Xustiza nese senso, para aplicárnola a nós. É curioso que agora se fixen no que decide o Ministerio de Xustiza porque, se houberan feito sempre así, non teriamos recortes no CAT dende 2013; vamos, que collen o que di o Ministerio cando lles peta. 

ACCIÓN SOCIAL - RESOLUCIÓN DEFINITIVA

Acción Social 2015:

85 solicitudes admitidas
4 excluídas
.........
61 tramo 1....166€ aprox.
14 tramo 2.... 333€ aprox.
10 tramo 3.... 666 € aprox.
 
Vai a intervención, despois publicación no DOG. Os interesados terán coñecemento persoal a través da OPAX. Pagarase en novembro ou decembro.

PUBLICACIÓN RESOLUCIÓN DEFINITIVA DO CONCURSO DE TRASLADOS - CORPOS XERAIS

Polo Ministerio de Xustiza comunícase que o concurso de traslados entre funcionarios dos Corpos de Xestión, Tramitación e Auxilio da Administración de Xustiza, anunciado con data  20-5-2015 (BOE 5-6-2015), publicarase no BOE do 6-11-2015.
As datas de cesamento serán:

Tramitación PA: 11-11-2015

Xestión PA e Auxilio: 16-11-2015

NOVAS PRAZAS A SUBSTITUCIÓN E ADXUDICACIÓNS

Publicáronse na intranet xudicial o día 19/10//2015 os avisos de novas prazas ofertadas en substitución así como a adxudicación das anteriormente publicadas. Podedes tamén consultar directamente a información premendo nas ligazóns que se achegan abaixo. 
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: 19, 20 e 21 DE OUTUBRO.

Ligazón novas substitucions:
https://drive.google.com/file/d/0B1P2rAI8dwGNOXNINnVNN2Y1Q1U/view?usp=sharing Ligazón substitucións adxudicadas:
https://drive.google.com/file/d/0B1P2rAI8dwGNS0tKb3ZGMmdfV0k/view?usp=sharing

lunes, 19 de octubre de 2015

BASES E TEMARIOS OPOSICIÓNS 2015 - CORPOS XERAIS

No BOE de hoxe saen publicadas as bases e os temarios que rexerán as vindeiras oposicións de acceso aos corpos xerais da administración de xustiza. En breve sairán publicadas as respectivas convocatorias para a presentación de instancias para poder participar en ditos procesos selectivos.

Ligazón bases:

Ligazón temarios: 

viernes, 16 de octubre de 2015

RECUPERACIÓN DO 26,23% DA PAGA EXTRA DE 2012 AOS QUE NON ESTEAN EN ACTIVO

Toda vez que xa se publicou no DOG de hoxe a instrución correspondente sobre a aplicación do establecido na Lei Autonómica 11/2015, no relativo á devolución do 26,23% da paga extra de 2012, as habilitacións xa poden comezar a recibir as peticións daqueles/as traballadores/as que naquel entón estaban en activo pero que a día de hoxe xa non o están (por xubilación, por cesamento, etc.).
Se a solicitude se presenta antes do día 3 de novembro xa se realizará o pagamento coa nómina dese mes.

Ligazón modelo de solicitude:

jueves, 15 de octubre de 2015

REFORZOS PARA OS DECANATOS

Dende a CIG solicitouse recentemente, empezando polos xulgados de Viveiro e logo facéndoo extensible a todos os demais partidos xudiciais de un ou dous xulgados, que se adopte a decisión de reforzar os cadros de persoal de ditos órganos a fin de atender as tarefas de decanato que se están a elevar de xeito exponencial co pretendido transito ao "papel cero" na Administración de Xustiza. Estes partidos xudiciais ata o de agora carecían de persoal propio de decanato pero na actualidade, coas decisións adoptadas en relación coa presentación telemática de demandas, escritos, etc., estas tarefas están a aumentar considerablemente e, se temos en conta que os cadros de persoal de ditos partidos xudiciais xa son moi xustos, de aí a conveniencia da solicitude realizada pola CIG.

Ligazón escrito DXX sobre decanato Viveiro:

COMO NON SE DEBEN FACER AS COUSAS NO IMELGA

Se recentemente xa chamabamos a atención á Dirección Xeral, coa remisión dun escrito, informándolle sobre a  problemática da elevada carga de traballo dos equipos psico-sociais do Imelga de Vigo (sen que ninguén, ata o de agora, tivera feito nada para solucionalo), e co obxecto de que por parte de dita dirección xeral se adoptaran as medidas necesarias de reforzo de ditos servizos, se a isto se lle engade o próximo cesamento (ao parecer o 31 de outubro-oficialmente non se nos comunicou nada) dos médicos forenses que se atopaban reforzando o cadro de persoal do citado servizo, atopámonos cunha absoluta desfeita e falta de planificación, posto que existen axendas de sinalamentos dos médicos forenses cesantes que non se sabe se poderán asumir os novos interinos designados ao efecto. A cuestión non é tanto este cesamento, xa que as citadas prazas de reforzo foron consolidadas no cadro de persoal do Imelga de Vigo (entre outros) pasando a ser consideradas vacantes, que serán cubertas agora por persoal interino e que terán que ser anunciadas nun vindeiro concurso, se non o xeito oscurantista de facer esta transición, pois os propios interesados; médicos forense que ata o de agora desempeñaron ben e fielmente os seus postos, non son sabedores de xeito oficial de que o seu contrato mensual prorrogado durante catro anos non o vai a ser este 31 de outubro.
Isto pasa por poñer cargos "a dedo" a través das libres designacións, en postos de dirección, que logo son incapaces de xestionar o servizo encomendado; son incapaces de pedir; son incapaces de comunicar; en definitiva, parece que son incapaces, en xeral, de facer o traballo para o que foron designados.

Ligazón escrito IMELGA Vigo - equipos psico-sociais:

miércoles, 14 de octubre de 2015

PRIMEIROS PASOS PARA A INSCRICIÓN DE NACEMENTOS A TRAVÉS DOS CENTROS SANITARIOS

Hoxe sae publicada no BOE a Instrucción de 9 de outubro de 2015, de la Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado, sobre comunicación electrónica de nacementos dende centros sanitarios. Só determinadas vilas piloto, en todo o estado español, poderán levar a cabo as comunicacións citadas.

http://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2015-11025


O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL DA UN PEQUENO TIRÓN DE ORELLAS AO EXECUTIVO EN CANTO Á ENCOMENDA DO REXISTRO CIVIL

O TC declara nulas as disposicións sobre a encomenda do Rexistro Civil aprobada mediante o Real Decreto-Lei 8/2014
Avala a prórroga para a entrada en vigor da lei do Rexistro Civil, dada a necesidade de “asegurar o correcto funcionamento do sistema”, pero considera que non se daban as premisas habilitantes de urxencia e necesidade para modificar mediante Decreto-Lei a encomenda do Rexistro Civil aos rexistradores. Na práctica esta declaración de nulidade non terá efectos xa que finalmente a norma tramitouse como proxecto de lei pola vía ordinaria.

Ligazón:

martes, 13 de octubre de 2015

ESCRITO CONXUNTO AO MINISTRO DE XUSTIZA

Por parte das organizacions CSI-F, STAJ, CCOO, UGT e CIG e os máis de 55.000 funcionarios e funcionarias de xustiza aos que representamos segue irrenunciable a recuperación de todas e cada unha das retribucións recortadas desde 2010, a recuperación da xornada laboral de 35 horas semanais, a recuperación do 100% das retribucións en caso de Incapacidade Temporal, a desconxelación total das Ofertas de Emprego Público, a recuperación das partidas orzamentarias destinadas a acción social, formación profesional e produtividade, a recuperación total dos días de permiseo desbloqueo dos procesos de promoción profesional, é por iso que lle diriximos ao Ministro de Xustiza un escrito conxunto solicitando que se aborden de inmediato todas estas cuestións. Podedes comprobar o contido do escrito premendo na ligazón de abaixo.

Ligazón:

CORRECCIÓN DE ERROS - CONCURSO ESPECÍFICO FISCALÍAS

A instancias da CIG, vaise publicar en breve unha corrección de erros na publicación da listaxe provisional de admitidos ao concurso específico das fiscalías, a fin de que a puntuación obtida por cada un dos partícipes quede desglosada en tres apartados, que serían: antigüidade e galego, coñecementos específicos e, finalmente, formación.

PUBLICACIÓN RESOLUCIÓN DEFINITIVA CONCURSO MÉDICOS FORENSES

No DOG e no BOE de hoxe publícase a RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve o concurso de traslados para a provisión de postos xenéricos vacantes no Instituto de Medicina Legal de Galicia entre funcionarios do corpo de médicos forenses, convocado pola Resolución do 10 de abril de 2015. 
 
O cesamento no destino actual deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Boletín Oficial del Estado.

O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días naturais se non implica cambio de localidade do funcionario, de oito días se implica cambio de localidade dentro da Comunidade Autónoma e de vinte días se implica cambio de comunidade autónoma, a excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma de Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, casos estes en que o prazo será dun mes tanto se o posto de traballo é de orixe coma de destino. Cando o adxudicatario da praza obteña coa súa toma de posesión o reingreso no servizo activo, o prazo será de vinte días.

Ligazóns:

jueves, 8 de octubre de 2015

CURSO DE ATENCIÓN AO CIDADÁN E A VITIMA

A Dirección Xeral de Xustiza, en colaboración coa EGAP e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza un curso de autoformación: Información ao cidadán e atención ás vítimas de delito, dirixido aos funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia destinados nas Oficinas de  atención ao cidadán e asistencia á vítima.
Esta actividade formativa completarase cunha xornada presencial en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.
Para mais información prema na seguinte ligazón.

martes, 6 de octubre de 2015

NOVOS ÓRGANOS - RECUPERACIÓN DÍAS ASUNTOS PARTICULARES - REFORMA IT

O Ministerio ten previsto crear en Galiza a lo menos dous novos órganos xudiciais, con posibilidade de que sexan máis, sempre que a Xunta se comprometa a dotalos.

Tras a última reforma operada no EBEP, na que nos devolveron un día máis de asuntos particulares, chegando así aos seis que xa existían antes da crise para a administración xeral do estado e, por extensión, tamén para a Administración de Xustiza, por parte do Ministerio estase a estudar nestes intres tamén a devolución, no noso caso, dos tres días a maiores que tiñamos ata acadar os nove que dende fai moitos anos gozabamos.

Aínda que non é ningún alivio e non cambia substancialmente a regulamentación das IT (Incapacidades Temporais, ou máis comunmente coñecidas como baixas por enfermidade) o certo e que o Ministerio vai a reformar a regulamentación existente para equipararnos á que na actualidade se lles aplica aos Xuíces e Fiscais, máis favorable que a que se nos viña aplicando ata o de agora.

Todo son anuncios de cousas por facer e, para algo se nota que o presidente do goberno xa puxo data para as vindeiras eleccións xerais, de aí a consigna de ter que tranquilizar ás hostes. Non nos deixemos enganar por estes cantos de serea, pois non nos están a dar nada que xa non fora noso.

PREVISIÓN OPOSICIÓNS - RESOLUCIÓN CONCURSO

Oposicións:
 Segundo información do Ministerio de Xustiza a convocatoria de oposicións para acceso ao corpo de Xestión será publicada a finais de outubro. As convocatorias de Tramitación e Auxilio o serán a finais de novembro.

Concurso:
Así mesmo, o Ministerio tamén informou que a resolución definitiva do concurso de traslados dos corpos xerais está prevista entre a primeira e a segunda semana de novembro.

BASES OPOSICIÓNS - PENDENTE INFORME MAP

O Ministerio, como nos ten acostumados, unha vez fixemos as alegacións por escrito, xa deu por negociadas as bases de convocatoria dos novos procesos selectivos para este ano 2015. O único bo desta vez e que nos enviaron un informe "explicativo" de porqué se admitían ou non as alegacións realizadas.
En fin, algunha alegación foi tida en conta, pero as de calado, coma sempre, ou se pospoñen a posteriores procesos selectivos ou son rexeitadas de plano.
O que si se conseguiu, despois de moitos anos de teimar coa administración, foi que os titulares se poidan presentar tanto pola quenda libre e pola restrinxida na mesma convocatoria.
Agora queda só que o MAP informe as ditas bases para que finalmente se publiquen as respectivas convocatorias dentro deste ano.

VOLVEMOS A PODER DEFENDERNOS NÓS MESMOS NO CONTENCIOSO

Por fin na Lei 42/2015, de 5 de outubro, de reforma de la Ley 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil, na súa Disposición Final Cuarta, o goberno modifica a Ley da Xurisdición Contencioso-Administrativa, concretamente o artigo 23, a fin de que os funcionarios públicos volvamos a ter a capacidade de defensa en xuízo dos nosos dereitos como traballadores.


viernes, 2 de octubre de 2015

NOVAS PRAZAS A SUBSTITUCIÓN E ADXUDICACIÓNS

Publicáronse na intranet xudicial o día 02/10//2015 os avisos de novas prazas ofertadas en substitución así como a adxudicación das anteriormente publicadas. Podedes tamén consultar directamente a información premendo nas ligazóns que se achegan abaixo. 
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: 2, 5 e 6 DE OUTUBRO.

Ligazón novas substitucions:

Ligazón substitucións adxudicadas:
https://drive.google.com/file/d/0B1P2rAI8dwGNU0liajBTMGtsWkU/view?usp=sharing

RESOLUCIÓN PROVISIONAL CONCURSO ESPECÍFICO FISCALÍAS

Hoxe sairá publicada na intranet a relación de adxudicacións provisionais do concurso específico da Fiscalía, tanto superior como provinciais. 
Para máis información podedes premer na seguinte ligazón: