martes, 27 de mayo de 2014

MESA SECTORIAL 23-05-2014


MESA SECTORIAL: MÁIS POR MENOS

Na mesa sectorial levada a cabo o pasado venres 23 de maio, onde se tratou principalmente a RPT da nova oficina fiscal, fixóselle ver a adminstración outros temas tanto ou máis importantes que seguen pendentes e sen resolución aparente, tales como o expurgo de expedientes e pezas de convicción, gardas da Coruña, descansos regulados nos Servizos Comúns de Actos de Comunicación e Excución (SCACE), bolsas de interinos e pagamentos íntegros das substitucións. Vamos, que houbo máis varios que puntos na orde do día.


FOLLA INFORMATIVA

viernes, 23 de mayo de 2014

PRIMEIRA SENTENZA FAVORABLE DA PAGA EXTRA DE 2012

Xa están empezando a sair na nosa comunidade autónoma as primeiras sentenzas que recoñecen o pagamento íntegro da paga extra que nos foi retirada indebidamente no ano 2012. Aínda non sendo esta unha sentenza acadada pola CIG, é o certo que a nosa central sindical ten iniciados e mantén abertos os procedementos en todos os partidos xudiciais da xurisdicción Contencioso-Administrativa de Galiza, incluido no que agora xa se obtivo un resultado positivo,  e nos que agardamos tamén sentenzas favorables. Non obstante o anterior, e moi probable que a administración autonómica non se aquiete a ditas resolucións e interpoña recurso extraordinario en interese de lei contra as mesmas, a medida que vaian saíndo, polo que a execución das sentenzas e da súa extensión de efectos vai tardar algún tempo máis.
Aclarar tamén que para pedir no seu día a extensión de efectos, haberá que facelo por medio de avogado en exercicio, polo que como é  lóxico cada compañeiro que queira facer a súa petición (se e que a administración non o fai xa de oficio ante a cantidade de sentenzas favorables que recaian ou segundo o que decida o Tribunal Supremo no hipotético recurso extraordinario que, no seu caso, resolva) terá que contratar os servizos dun letrado que asine a petición ou ben estar afiliado a un sindicato que teña asesoría xurídica que lle preste dita cobertura. Por suposto, para pedir a extensión de efectos dunha sentenza non é requisito estar afiliado...simplemente é que para ter dereito a asesoría xurídica dun sindicato si fai falla estar afiliado ao mesmo.

DENUNCIA ANTE A INSPECCIÓN DE TRABALLO POR EXCESO DE HORAS NAS GARDAS

Como xa vos adiantaramos, CIG, CCOO e UXT vimos de presentar perante a Inspección de Traballo unha denuncia polo exceso de horas que se obriga a cumprir aos compañeiros que fan as gardas na Coruña.

Copia da denuncia.

AXUDAS POR REDUCIÓN DE XORNADA PARA COIDADO DA FILLA/O

O pasado martes 20 de maio publicouse no DOG a Orde pola que se regulan as bases para a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para aqueles homes (ou familias monoparentais) que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013 se acollesen a unha redución da súa xornada de traballo para o coidado do seu fillo ou filla. 
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) e, o prazo para a presentación das mesmas, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e dicir, ata o 21 de xuño.

miércoles, 21 de mayo de 2014

OFERTA DE PRAZAS PARA SUBSTITUCIÓNS

Publicáronse na intranet no día 21/5/2014 os avisos de novas prazas ofertadas en substitución. 
Podedes tamén consultar directamente a información premendo no vínculo que se acompaña abaixo. 

Últimas Prazas Ofertadas: 

Prazo de presentación de solicitudes: 21, 22 e 23 de Maio.

martes, 20 de mayo de 2014

PORQUE SÓ ASISTIU UNHA CENTRAL SINDICAL Á MESA SECTORIAL DO MARTES 13 DE MAIO.


ASÍ NOS IRÁ…

O pasado martes 13 de maio, a Dirección Xeral de Xustiza convocou ás organizacións sindicais á Mesa Sectorial, a fin de tratar a nova oficina fiscal e o decreto de nova oficina xudicial.
Tras  anos  de recortes, de  nulo  respecto  pola  negociación  colectiva  e  de  decisións  unilaterais  abusivas, CCOO,  UGT  e  CiG,  postura  que  tamén  compartiu  USO,  decidimos  non  acudir  a  lavar  a  cara  a  unha Dirección Xeral empeñada en vender grandes alardes moi afastados da realidade: por moita nova oficina fiscal  e  xudicial,  que  publican  nos  medios  antes  incluso  de  seren  negociadas,  os  traballadores  e traballadoras  da  Xustiza  sabemos  que  o  colapso,  con redución  de  medios  persoais e  materias  e vulneración de dereitos constantes, non se soluciona con catro titulares de prensa.
É por iso, por respecto aos compañeiros, polo que nos negamos a negociar só o que marca a axenda política da Dirección Xeral, na que tamén incluíu no pasado:
-  Eliminación da paga extra de decembro de 2012
-  Eliminación do 4% da masa salarial (mínimo 400 euros nas extras) sine die
-  Conxelación salarial dende 2010
-  Decreto de IT’s: poderemos pagar máis de 400 euros por cometer o delicto de enfermar
-  Atribución de novas funcións
-  Amortización do 5% do cadro de persoal no 2012
-  Un futuro incerto para máis do 30% do cadro de persoal coas reformas do Rexistro Civil ou a Lei Orgánica do Poder Xudicial
-  Perda de días de vacacións, asuntos propios... e un largo etcétera

SUPERACIÓN DO MÁXIMO HORARIO ESTABLECIDO NAS GARDAS DA CORUÑA E VIGO



As centrais sindicais CCOO, UXT e CIG fixemos  hoxe una rolda de prensa na que denunciamos o desleixo da Dirección Xeral de Xustiza  cos seus traballadores  destinados nos Xulgados de Instrución da Coruña, aos que se lles está  a impór xornadas de máis de 52 horas semanais; todo iso por unha resolución da Secretaria Coordinadora  da provincia da Coruña, que toma como referencia algún secretario de instrución, e que se extenderá a Vigo se a Dirección Xeral segue a facer mutis e non asume as competencias que ten.
Ante esta situación, e despois de tratar de solucionar tal desatino  sen resultados positivos, decidímonos a facelo público ademáis de presentar denuncia na Inspeción de Traballo  contra o secretario de Instrución nº 3 da Coruña, por ditar aos funcionarios unha instrución ilegal e abusiva, e contra o Director Xeral por omisión  e desleixo nas súas funcións e competencias.
Presentaremos asimesmo  unha denuncia por exceso de horario ante a OIT con sede en Xenebra.
Esta situación só se  da na Coruña e Vigo, ciudades que terían que ter gardas de 24 horas, pero están en Galiza. Sería imposible que se dera en Euskadi ou en Cataluña, países nos que os seus gobernos exercen as súas competencias, que lembramos que en materia de persoal da Administración de xustiza están transferidas ás CCAA, e non son competencia do corpo de secretarios xudiciais.

lunes, 19 de mayo de 2014

CONCURSOS DE TRASLADO ORDINARIO E ESPECÍFICO DE MERITOS - SECRETARIOS XUDICIAIS

No BOE de hoxe saen publicadas a Orde JUS/809/2014, de 6 de maio, pola que se convoca concurso de traslado para a provisión de postos de traballo para o Corpo de Secretarios Xudiciais e a Orde JUS/810/2014, de 7 de maio, pola que se convoca concurso específico de méritos para a provisión de postos de traballo para o Corpo de Secretarios Xudiciais.

CONVOCATORIA CONCURSO DE TRASLADOS

Como xa vos viñamos informando, no DOG de hoxe sae publicada a convocatoria do concurso de traslados dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza.
Para os funcionarios que participen no presente concurso de traslados entre funcionarios dos corpos de xestión, tramitación e auxilio polo ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia existe a posibilidade de cubrir a solicitude por medios telemáticos a través da intranet do Ministerio de Xustiza, e do enderezo https://ainoa.justicia.es. Os concursantes que opten por esta modalidade deberán presentar o modelo de instancia no impreso definitivo xerado polo asistente informático, e non o borrador, xa que este non tería validez. A devandita presentación realizarase polo sistema ordinario de remisión (correo certificado, rexistro xeral, etc.)
O prazo para presentación de instancias será de 10 días naturais a partires da publicación no BOE-DOG da resolución de convocatoria, polo que o prazo  rematará o vindeiro 29 DE MAIO.
 https://ainoa.justicia.es
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140519/AnuncioG0244-130514-0004_gl.html

viernes, 16 de mayo de 2014

CONCENTRACIONS EN VIGO CONTRA A LOPX E A PRIVATIZACIÓN DO REXISTRO CIVIL

Onte en Vigo tivo lugar unha concentración en repulsa contra a LOPX e a privatización dos Rexistros Civis, baixo o lema "NON AO DESMANTELAMENTO DA XUSTIZA - SI AOS PARTIDOS XUDICIAIS" que resume claramente cales son os dóus graves problemas, Social e Laboral, que esta lei organica  quere impoñer.


lunes, 12 de mayo de 2014

17 DE MAIO - DÍA DAS LETRAS GALEGAS

PARTICIPA NAS MOBILIZACIÓNS!

17 de maio,Queremos Galego! Un paso adiante, e outro ADIANTE, Galiza! Defendamos o noso idioma.
O vindeiro sábado 17 de maio, a Plataforma Queremos Galego, da que a CIG forma parte, convídanos a multiplicar por 8 a defensa da nosa lingua, participando nalgunha das 8 mobilizacións que en toda Galiza convoca a Plataforma (A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Foz).

A CIG, como parte integrante da Plataforma Queremos Galego!, anímate, como vén facendo combativamente desde sempre, a defenderte das agresións, tamén das agresións á nosa lingua. Pois, como di o texto do manifesto elaborado por Marica Campo para esta ocasión: “non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego”.
Ao longo do país, o vindeiro sábado 17 de maio ás 12h, celebraranse actos nos seguintes lugares:
 
A Coruña: A carón do Teatro Rosalia de Castro (confluencia das rúas Real e Rego de Auga) 
Ferrol: Praza de Armas. 
Santiago: Porta Faxeira.
Pontevedra: Praza da Peregrina. 
Vigo: Manifestación con saída de Vía Norte. 
Ourense: Alameda (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor). 
Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes).
Foz: Praza do Conde de Fontao.

Manifesto

CONSULTA DO BALANCE HORARIO DO MES DE ABRIL

Dende o día 7 deste mes de maio está dispoñible dentro do apartado de control horario da OPAX o balance horario correspondente ao pasado mes de abril. De acordo coas instrucións sobre control horario ditadas por Resolución do 12 de febreiro, no caso de existir desconformidade co resultado, poderase reclamar ante o servizo de xustiza da xefatura ou delegación territorial correspondente durante un prazo máximo de cinco días hábiles (ata o día 13 incluído), polo que calquera reclamación feita con posterioridade a esa data será inadmitida por extemporánea, e incorporaranse definitivamente os incumprimentos non xustificados ás horas que se deben facer no presente mes.
As reclamacións tramitaranse de forma exclusiva mediante correo electrónico dirixido ao servizo de xustiza correspondente, indicando o motivo da reclamación e achegando a documentación xustificativa no caso de que proceda.
 

viernes, 9 de mayo de 2014

DENUNCIA DE REALIZACIÓN DE HORAS EXTRA POR PARTE DOS PREPARADORES DOS CURSOS DE LINGUAXE GALEGA

A CIG-Ensino ven de iniciar unha campaña de denuncia contra o pagamento de horas extras ao profesorado, en activo, capacitado para dar os cursos de linguxe galega (CELGA) e que en algúns sectores como o noso tamén se estiveron a ofertar. Resulta inaudito coa cantidade de parados existentes que a administración pule mellor por pagar horas extra que por contratar a máis mestres para impartir os cursos.



http://www.cig-ensino.com/descargas/CIG-INFORMA%20Cursos%20CELGA_0.pdf

miércoles, 7 de mayo de 2014

PUBLICACIÓN DO PLAN DE VACACIÓNS 2014



As solicitudes de peticións de vacacións  tramitaranse obrigatoriamente a través da OPAX e asinaranse electrónicamente, pasando a estar dispoñibles na bandexa do superior xerárquico para o seu informe e validación. 


O secretario ou secretaria xudicial, fiscal xefe ou director/a ou subdirector/a do Imelga, informará sobre a incidencia da petición sobre o funcionamento do servizo. No caso de que o informe sexa negativo, farase constar a súa motivación que será estudiada por este centro directivo en atención ao establecido no presente plan de vacacións.

Unha vez informadas e validadas electronicamente polo superior funcional, as solicitudes pasarán inmediatamente a estar dispoñibles no buzón de entrada da OPAX do servizo de persoal da xefatura ou delegación territorial correspondente para a súa resolución.

Se por calquera motivo non funcionara a OPAX, as peticións deberían de realizarse a través dos seguintes números de fax:
A Coruña.- 981184450

Lugo.- 982294266

Ourense.- 988386384

Pontevedra (Vigo).- 986817001

Prazo de presentación tempada A (1 de xullo a 30 de setembro) - Ata o 21 DE MAIO 

COMPENSACIÓNS HORARIAS NOS SERVIZOS COMÚNS DE NOTIFICACIÓNS (SCACE) POR DILIXENCIAS URXENTES

Segundo consulta realizada a administración autonómica, a hora de practicar polos SCACE dilixencias urxentes fora do horario xeral, serían aplicables os seguintes cómputos e compensacións horarias:
 
1) Caso 1: Que a/s dilixencia/s a practicar comecen despóis das 17:00 horas e rematen antes das 22:00 horas, aplicaranse as compensacións horarias previstas no Artigo 12 da Orde sobre os horarios e o calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2014, cubrindo na OPAX a correspondente incidencia horaria, detallándose as dilixencias realizadas.



2) Caso 2: Que a/s dilixencia/s a practicar comecen despois das 22:00 horas. Neste caso non haberá cómputo nin compensacións horarias e terá dereito a/o funcionaria/o a un día de permiso, a gozar antes do último día do mes seguinte ao da realización da dilixencia. A ausencia deste día reflictirase na OPAX como unha incidencia horaria, certificando as dilixencias realizadas a/o Secretaria/o e as horas da súa realización.



3) Caso 3: Que a/s dilixencia/s a practicar comecen despois das 17:00 horas e rematen despois das 22:00 horas. Neste caso non haberá tampouco computo nin compensacións horarias e terá dereito a/o funcionaria/o a un día de permiso, a gozar antes do último día do mes seguinte ao da realización da dilixencia. A ausencia deste día reflictirase na OPAX como unha incidencia horaria, certificando as dilixencias realizadas a/o Secretaria/o e as horas da súa realización.

Dende a CIG indicóuselle a administración que esta cuestión debería ter sido negociada para ser incluida, no seu caso, no artigo 11 do calendario laboral. Ademáis non se deben mixturar o cómputo e as compensacións horarias co dereito ao descanso establecido na normativa europea. Polo tanto, cando se realiza unha dilixencia de comunicación fora do horario ordinario, sempre teñen que computar tanto as horas traballadas (porque se houbera un accidente o mesmo sería laboral) como a súa compensación segundo o artigo 12, sen prexuizo, se correspondera, das 11 horas de descanso entre xornadas laborais previstas pola normativa europea. (DIRECTIVA 2003/88/CE DEL PARLAMENTO EUROPEO Y DEL CONSEJO)

ULTIMAS ADXUDICACIÓNS DE PRAZAS PARA SUBSTITUCIÓNS

   Publicáronse na intranet no día 5/5/2014  os avisos de adxudicación das últimas prazas ofertadas en substitución. Podedes tamén consultar directamente a información premendo nos vínculos que se acompañan abaixo.

Últimas Adxudicacións:
https://drive.google.com/file/d/0B1P2rAI8dwGNZ0NXWkM2MU9DYmM/edit?usp=sharing

jueves, 1 de mayo de 2014

ROLDA DE PRENSA CIG, CCOO E UGT CONTRA A LOPX

As tres centrais sindicais denuncian o ataque á separación de poderes e, á propia Xustiza, co anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial

Este pasado mércores, 30 de abril, a CIG, CCOO e UGT fixeron un chamamento para artellar unha fronte común de loita a nivel nacional, e non localista, para defender o dereito das galegas e galegos a acceder á xustiza.
O anteproxecto de Lei Orgánica do poder Xudicial pretende unha recentralización da xustiza, afastala do cidadán dificultando o seu acceso á mesma e mesmo ao dereito á tutela xudicial efectiva; atenta coa separación de poderes; afonda na súa politización e ademais afectará gravemente ás galegas e galegos, porque non ten en conta a dispersión poboacional. Así o denunciaron os representantes dos sectores de Xustiza da CIG, CCOO e UGT, que exixen a súa retirada e fan un chamamento a superar o localismo e a defender, desde unha perspectiva de país, o actual modelo de partidos xudiciais.