O pasado martes, 29 de xuño, mativemos co Presidente do Tribunal Superior
de Xustiza de Galiza, José María Gómez y Díaz-Castroverde, a reunión solicitada días atrás, para
comentar a situación dos xulgados con competencia en materia de
violencia de xénero.
Este sindicato trasladoulle a preocupación
pola situación caótica que se vive en moitos destes órganos, o que
redunda nun servizo de mala calidade, unha deficiente atención á
vítima e unhas condicións de traballo intolerables que se traducen
en xornadas maratonianas que impiden a conciliación da vida laboral
e familiar. A
situación nos xulgados mixtos é ben coñecida: falta de persoal,
xuíces/xuízas substitutos/as ou de recente acceso á carreira
xudicial que permanecen pouco tempo e que compaxinan a violencia coa
materia civil e o resto de penal, instalacións que non permiten a
separación de vítima e agresor, etc, etc... A
dos exclusivos non é mellor: falta de persoal e unha sistemática de
traballo que semella unha garda sen selo, con frecuentes xornadas
laborais ate as 19 ou 20 horas. Ante
este panorama, este sindicato avoga pola creación de novos xulgados
con competencia na materia (habilitando xulgados de reforzo mentres
tanto), así como pola “comarcalización”, o que permitiría
unha maior especialización e unha descarga de traballo nos órganos
mixtos.
En
canto á creación dun segundo xulgado na Coruña e Vigo, o
Presidente do TSXG afirmou que os datos que reflicten as estatísticas
e que se teñen en conta para estudiar a creación de novos xulgados
non reflicten a necesidade dun segundo xulgado pero, amosouse
preocupado pola situación na que se atopan os existentes e por
algunhas cuestións concretas que lle trasladamos, afirmando que este
era un tema preferente para el e que tomaba nota do falado,
emprazándonos a reunirnos dentro duns meses para comprobar a
efectividade dalgunhas das medidas que pensa tomar ao respeto. Esperemos
que isto sexa así e que, tanto dende o TSXG como dende a Dirección
Xeral se poña remedio á situación insostible destes órganos en
todo o país.
Comentarios
Publicar un comentario