Recentemente asistimos a unha situación da que todo o persoal interino se queixa de xeito maioritario pero que, non por iso, deixa de acontecer nalgunha que outra ocasión.
Nunha recente designación de persoal interino adxudicouse unha praza a un traballador/a que, curiosamente, estaba de baixa por IT o día 2 de novembro pero, de xeito case milagroso e con total descaro, dito traballador/a reincorporouse á lista o día 4 de novembro (mércores), xusto a tempo de participar na selección dunha praza que poderiamos considerar como boa, desde o punto de vista da prestación do servizo e da súa retribución.
Podemos entender que haxa situacións familiares e mesmo persoais que poidan interferir sobremaneira coa prestación do servizo, e que isto poida causar a tentación de evitar a designación de determinadas prazas ofertadas. Non obstante, pese a iso, desde a CIG entendemos que nestas actuacións debe de manterse unha mínima ética profesional e respecto hacia os demais partícipes das bolsas e, por moito que estas actuacións poidan encadrarse dentro da legalidade, non é de recibo que un traballador/a se atope de baixa por IT nun día, evitando os chamamentos que se lle puideran realizar e, xustamente, dous días despois, se atope totalmente recuperado para poder optar as prazas que se lle ofertan nese momento. Ollo, que pode ser totalmente plausible a situación, pero tanta coincidencia escámalle ata o mais idiota.
O problema non só radica no traballador/a que actúa dese xeito, con total falta de empatía e respecto hacia os demais, se non tamén naquel que filtra as prazas que se van a ofertar (que en moitos casos non é a administración ou cando menos non directamente). Este tipo de actuacións ten encadre nunha actitude caciquil e de venta de favores que algúns practican a modo de prestación de servizo de xestoría e que, como vender o alma ao diaño, xa te ata de por vida ao desalmado "Lucifer".
Logo vimos a queixarnos de que a Inspección Médica revisa as baixas e decreta a incorporación do traballador/a nunha baixa prolongada ou nalgún caso antes do tempo recomendable. Con actuacións deste tipo estamos dando un exemplo moi pouco notable.
Desde a CIG intentaremos corrixir esta situación propoñendo a modificación da actual regulamentación para evitar, precisamente, que este tipo de situacións se produzan ou que, cando menos, non se poidan realizar de xeito tan descarado.
Comentarios
Publicar un comentario