Nestas datas xa estivais, ven de xubilarse o noso compañeiro e amigo Delmiro Durán Garrido; sindicalista infatigable, que pelexou na provincia de Pontevedra, como delegado da Xunta de Persoal e, en toda Galiza, como responsable do Sector de Xustiza da CIG e noutros cargos orgánicos da nosa central sindical, porque as traballadoras/es da Administración de Xustiza tiveramos unhas mellores condicións laborais. Nesta loita de moitos anos na que coincidimos man a man tanto en Madrid como en Santiago de Compostela, amosou o seu talante e bo facer en todas as negociacións ás que tivemos asistido e, nas que nos vimos involucrados en non poucas situacións comprometidas, sindicalmente falando, das que creo sinceiramente que saimos airosamente e coa sensación de ter feito as cousas ben e do xeito correcto, camiñando coa cabeza ben alta por levar o sindicalismo galego e de clase, tanto a Madrid como a Compostela. Pola miña banda, como compañeiro desta viaxe iniciada alá polos anos 90 e como amigo, non me queda máis que desexarte unha feliz e longa etapa tras a túa xubilación, pois o traballo feito quedou aí para quen o queira valorar e apreciar, na medida do esforzo desinteresado levado a cabo nesta labor sindical, tan necesaria nestes días e quizais non sempre apreciada na súa importancia por quen ten que valorar e refrendar dito esforzo cada catro anos.
Estimado e querido Delmiro, moitas grazas pola túa dedicación no sindical e amizade no particular, tanto pola miña parte como pola do resto das compañeiras e compañeiros do Sector de Xustiza da CIG. Unha aperta ben forte.
Xosé Barreiro Perez e o Sector de Xustiza da CIG.
Comentarios
Publicar un comentario